La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando a miña nai era unha rapaza, simpática e bonita, namorada, un día, durante a guerra, foi destinada a unha oficina na que tiña que ler as cartas que escribían os soldados. Compartía o traballo con outras mozas coma ela, supervisadas ou dirixidas por tres ou catro xefes soberbios e bárbaros. Unha mañá, diante delas, estes individuos fixeron alarde, con bromas incluídas, dunha fazaña realizada na madrugada anterior: mataran tres homes no Monte do Furriolo, preto de Celanova.

A miña nai, inocente e xusta, afeoulles a conduta e chamoulles asasinos. Salvou a vida de milagre. O santo que intercedeu por ela foi un tío, arcediano na catedral de Ourense, que conseguiu parar a barbarie con moitos esforzos. Cando o cóengo tiña controlada a situación, foi ver un dos canallas e preguntoulle, desde a súa condición sacerdotal, senón lle remordía a conciencia. O outro mirouno con cara de cínico e preguntoulle: “A conciencia, ¿en que parte do corpo está?”

Anos máis tarde, cando xa era vello, aquel tipo daba uns berros espantosos de noite, que asustaban aos veciños. A conciencia sempre volve. Un día pegouse un tiro na boca. Non sei se o individuo que lle disparou onte a Miguel Ángel durmiría tranquilo despois do acto indigno que cometeu. É probable que si. Nese caso, que se vaia preparando para cando sexa vello: terá os soños repletos de fantasmas do pasado. Pode estar seguro de que será así. Non obstante, eu non lle desexo que acabe como o seu colega, alma xemelga, de Ourense. Entre outras cousas porque non me quero parecer a el.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de xullo de 1997.