La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A un home enfermo e vello, aínda que non aqueixado de gravidade de ningún tipo, oínlle dicir nunha ocasión, diante dun cabrito da cor do ouro, ben feito e perfectamente esturruxado, que desde había anos, por estrita prescrición dos médicos, non comía máis que cos ollos. Dicíao con melancolía, non con amargura, soamente coa nostalxia de quen gozou moito na mesa. Un periodista que asistía ao xantar contestoulle que nos praceres dos sentidos o mellor momento correspóndese sempre coa fase inmaterial.

Escuso engadir que deseguida se montou unha discusión. Mentres os comensais, excepto o enfermo, iamos debullando con gula naquela carne saborosa, as opinións defendíanse con ardor. Por certo que os máis comellóns eran tamén os máis radicais, partidarios da tese que sostiña que o verdadeiro pracer estaba na imaxinación.

Para apoiar a súa teoría, o periodista citou o título dun libro que trata da gastronomía a través da literatura: Un festín de palabras. Non me pareceu un argumento contundente, pero pareceume un exemplo fermoso. Posteriormente escoiteille un día a Alfredo Bryce unha conferencia, na que sostiña a idea de que no fútbol hai dúas fases: o partido propiamente dito e o partido que vén despois, feito de palabras. Se Salinas chega a tirar un pouco máis á esquerda… Cunha pouca imaxinación, aínda se pode xogar a final.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xullo de 1994.