La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha das últimas comparecencias públicas de Álvaro Cunqueiro, cando lle entregaron o Pedrón de Ouro na casa de Rosalía de Castro, en Padrón, foi tamén a última vez que vin a Ánxel Fole. Como sempre, o escritor lugués ía a medio afeitar, alternando na cara zonas perfectamente rasuradas con outras cubertas de escandalosos pelos brancos, vestía un pesado abrigo de inverno a pesar da calor e estaba preocupado por dúas cousas. A primeira porque Isaac Díaz Pardo levaba un paraugas, a segunda porque lle parecía que o mundo andaba moi mal. Isto último díxome que xa o estivera comentando con Paco del Riego durante a misa.

Ignoro cal era a preocupación que levaba a Ánxel Fole a facer aquel comentario hai xa máis de dez anos. Se un repasa na memoria, ten a impresión de que a pesar da guerra fría, máis alá da ameaza nuclear e por riba da división do mundo en dous grandes bloques enfrontados política e economicamente, aquel modelo conflitivo parecía funcionar moitísimo mellor que este no que vivimos agora. Por mal que andase aquel mundo, polo menos tiña a virtude da estabilidade, un valor que hoxe moitos botan de menos.

Se Fole vivise hoxe, el, que era un apaixonado da política internacional e que por certo tiña elaborada unha curiosa teoría sobre a influencia dos ustachis croatas na zona do levante español, podería laiarse con máis fundamento que entón da situación que presenta o panorama político universal, un tebregoso mar de conflitos que ameaza con converter a vida na terra nunha inmensa barafunda. É coma se, de repente, o mundo se enchese de insensatos por todas partes e as persoas con bo xuízo, comedidas e ponderadas empezasen a ser vistas con desconfianza, cando non con agresividade, por dicir que moitos problemas son difíciles de resolver e que algúns non teñen solución.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de xullo de 1992.