La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Amores tráxicos, como aqueles dos que falei aquí onte, recordó algúns máis. Un amigo, poeta romántico a quen lle dediquei o meu primeiro libro de contos, un día anuncioume a súa terrible alternativa: ou raptar a rapaza da que estaba namorado ou pegarse un tiro. Eu díxenlle que talvez se podía atopar unha terceira saída: falar coa nai e pedir a nena en matrimonio. Fíxome caso, entrevistouse coa señora no portal da casa e quedaron moi amigos, pero sen resultados. Finalmente casaron de maneira clandestina.

Había na miña terra un cura, célebre na comarca, que resolvía con comprensión estes problemas de frenetismo amoroso. Como consecuencia da súa liberalidade, algunha vez tivo que enfrontarse con pais indignados. Foi o que sucedeu cun señor que un día soubo de repente que a súa filla, un auténtico querubín, tiña marido.

Colleu a escopeta e alá se foi, a pedir contas. Se non fose porque o señor abade era tamén un cazador, aquel día había unha morte e cometíase sacrilexio, que é pecado no cal se incorre por matar a un ministro de Deus. Nunca souben por que razón tiña aquel crego un corazón tan brando. Porque, polo demais, era gordo e colorado, comellón, de falares pouco delicados, con pinta de tumbalobos. Seguro que na soidade da casa reitoral algunha lágrima tería derramado aquel langrán vendo películas de amor na televisión.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de xullo de 1995.