La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte fomos a Uppsala, unha cidade sueca coñecida en todo o mundo pola súa famosa universidade. Chegamos á catedral coa intención de visitar a tumba do rei Gustav Vasa, pero estaba pechada porque había un concerto. De maneira que aproveitamos para escoitar un coro inglés, con voces excelentes, e algo de música de órgano. Por certo que eu tiña á miña dereita o sarcófago de Swedenborg e non puiden evitar rir un pouco para dentro, como me sucede sempre que veño a este templo, ao recordar a historia algo macabra da cabeza daquel tolo, que se poxou hai poucos anos en Londres e mercada polo goberno sueco para xuntala co resto do corpo.

De Uppsala marchamos a Sigtuna, que pasa por ser a cidade máis antiga de Suecia. En realidade é unha pequena vila de sete mil habitantes, situada á beira do lago Mëlaren, que conserva varias casas de madeira do século XVIII e incluso algunhas máis vellas. Trátase dun cromo magnífico, case un xoguete, que atrae miles de turistas, pero que conserva a dignidade. Comemos unhas boas troitas.

E postos a falar de comer, cando remate estas liñas marcharei para a Casa do Concello de Estocolmo, que está a cinco minutos do lugar onde me atopo. Cearemos alí. Non se trata dunha cea calquera, senón que nos van servir o mesmo menú que puxeron naquel mesmo sitio, en decembro do ano pasado, con motivo da entrega dos últimos Premios Nobel, que na modalidade de Literatura lle correspondeu, como se sabe, ao meu amigo José Saramago. O mesmo menú, servido ademais na mesma vaixela. Xa contarei en que consistiu a cousa. Iso xa o farei cando estea de volta, porque esta pequena viaxe remata aquí. Na casa tampouco se está mal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de xullo de 1999.