La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe veume ver un veciño que anda metido entre papeis e burocracias, un enigma que sobrepasa a súa escasa formación escolar e que o obriga a pedir unha axuda que un, máis ben ignorante nestas cuestións que veñen explicadas en prosa de albarda, tampouco está en condicións de dar. Ao final, ambos chegamos á conclusión de que o asunto é tan complicado que parece máis prudente acudir a un experto. Despois, aproveitando a calor, tomamos unhas cervexas e puxémonos a falar.

Este home tense a si mesmo por ignorante e así o declara. A morte do seu pai, cando el era aínda un rapaciño de poucos anos, impediulle seguir na escola, pois había que botar una man. Andou embarcado, traballou nunha fábrica, pero o que lle gusta é o campo.

No tempo que estivemos de conversa faloume de cómo entoca o coello e dos costumes do raposo, pero tamén decomo fuman os morcegos e da querencia que teñen as cobras polo leite, unha gula que ás veces as leva a meterse na corte onde se gardan ovellas, coa intención de mamar. Cando levábamos un par de horas de cháchara, decateime de que o meu interlocutor só falaba de cousas concretas e tanxibles, nunca de ideas. Ignoro o que isto pode significar, pero produce un alivio que se agradece.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de xullo de 1993.