La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En San Petersburgo hai que pagar por todo. Por exemplo, se un pide un café e quere leite, este último vai nunha factura aparte, o mesmo que o azucre. Tamén se un necesita un taxi, antes de subir debe negociar o prezo, pois o que marca o taxímetro non serve para nada. Por suposto, convén discutir, pois pódese conseguir unha rebaixa de máis da metade. En todo caso, sempre queda o recursode parar calquera coche particular e contratalo como taxi. Case todos aceptan e cobran moitísimo menos.

Para entrar no museo de L’Ermitage, o mellor, en vez de pasar pola taquilla, onde se paga o equivalente a 1.800 pesetas, é atender as suxerencias dos policías que están na porta, metralleta en man; eles mesmos ofrecen entradas por unha cuarta parte. De todos os xeitos, o máis curioso foi o que nos pasou onte nun restaurante. Na factura puxeron un concepto que non entendiamos e preguntamos: era pola música ambiente. Algúns propuxeron declararnos xordos. Eu paguei feliz. Pareceume poético.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de xullo de 2000.