La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Da mesma maneira que o cuco anuncia a primavera e que a caída da folla nos sitúa diante da realidade do outono, para min o verán coincide coa chegada de Gonzalo Torrente Ballester e a súa familia á casa da Romana, a uns centos de metros en liña recta do lugar onde vivimos nós. Onte pola tarde, unha chamada telefónica de Fernanda deunos a boa noticia. Así que, despois de acabar algúns traballos, alá fomos de visita, a pasar a tarde con eles. Este rito repítese ano tras ano, desde hai moitos, e non obstante nunca se acartoa, aínda sabendo que acabaremos falando de cousas das que temos falado centos de veces.

Sempre hai algo diferente. Nesta ocasión, ademais dese poema que Gonzalo ten continuamente disposto na memoria para cada vocábulo que se diga, como ocorreu onte coa palabra “impertinentes”, que lle recordou unha vella canción, música incluída, o escritor traía a preocupación de varias palabras galegas. Tratábase de coñecer matices de “fedellar” e “calliqueiro”, a ver se coincidían cos que el sabía desde neno. Para min, “fedellar” significa fundamentalmente “enredar”, e un “calliqueiro” é algo semellante ao que en español se chama un “quisquilloso”. Niso estivemos de acordo, pero xa cando nos despediamos, Torrente díxome: “Temos que falar da palabra ‘porche’”.

Non engadiu nada máis, aínda que supoño que lle debe chamar a atención que eu empregue este termo, que non é propiamente galego, senón catalán. Falaremos diso o próximo día. Como se ve, son pequenas cuestións. Os grandes temas, a Torrente xa non lle interesan. Supoño que estará aburrido de ver como se repiten e non teñen solución. Unha garantía de que pasaremos un verán divertido.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xullo de 1998.