La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Leo nos periódicos que o conselleiro Cuíña Crespo acaba de ter un accidente nada menos que nunha Harley-Davidson, a mítica moto que se fabrica en Milwaukee, nos Estados Unidos, e que ten dado orixe a tantas lendas entre os afeccionados de todo o mundo. Os harlistas adoitan dicir que a Harley é unha moto e o resto son cousas que corren. Tamén aseguran, para responder á acusación de que as Harley de antes perdían moito aceite, que simplemente marcaban territorio. Poderíase escribir un longo ensaio sobre a mitoloxía destas máquinas fermosas e elegantes, tan fermosas e ben deseñadas que un dos seus exemplares xa figura en varios museos de arte moderna.

A min preocúpame o que lle acaba de suceder ao señor conselleiro de Obras Públicas.  Preocúpame, en primeiro lugar, polo percance e as súas consecuencias, aínda que todo parece indicar que non van ser importantes. Pero tamén me preocupa pola mala imaxe que se pode estender sobre as Harley, eses cabalos grandes e pacíficos que raramente lles causan problemas aos seus usuarios, pois non están feitas para correr como as demais motos que hai no mercado, senón para pasear tranquilamente.

Coido que o error de Cuíña foi meterse pola herba. Cando un monta sobre unha Sporster Hugger 883 como a que eu pensó que el pilotaba no momento do accidente, hai que ter moito tino co pavimento que se pisa. É unha norma de ouro para non derrapar. Iso sábeo ben Xosé Luís Barreiro, por exemplo, que desde hai tempo conduce con seguridade unha potente BMW e que non a saca nunca do asfalto, pois sabe por experiencia que para andar en moto non hai mellor ruta que a das estradas. O curioso é que a Cuíña, que é o responsable destas últimas, lle dese por probar a fermosa máquina do seu amigo dentro dunha leira e non ao aire libre, que é onde as Harley se mostran fascinantes.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xullo de 1992.