La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O xuízo do que falamos hai uns días, motivado porque ao meu amigo dentista lle queimaran o sombreiro cun puro, estivo cheo de anécdotas curiosas, en parte debido á actuación insólita do bo do fiscal. Aquel pobre home non entendía como se podía acusar a un rapaz da vila, fillo dunha familia coñecida e respectada, por queimarlle o sombreiro a un tipo diaparatado, pouco socianlee con fama de tolo e descreído. Por iso se dedicou a acusar sen escrúpulos á vítima e a defecder con contundencia, polo menos no xesto e na forza da voz, ao acusado. Parecíalle o máis razoable.

Despois de dicir que a cousa non fora para tanto e que o dano que sufrira o sombreiro parecía máis ben escaso, púxose a recordar ao pai do perdulario. Eloxiou as súas virtudes cristianas, entre as que destacou a caridade, falou dos donativos que fixera, especialmente a cota que entregaba cada ano cando os da comisión lle ían pedir para celebrar as fectas, e recitou un rosario de boas obras que repercutiran dun xeito moi claro na mellora da vila. A conclusión non carecía de lóxica: non se podía condenar ao fillo dun home tan excelso, pois sería como condenalo a el mesmo.

Polo que respecta á vítima, estaba claro que non se podía comparar co pai do malandrín. Nesta parte da súa argumentación, sen embargo, víase que o fiscal de paz non se quería comprometer, pero buscando unha palabra que resumira con brevedade e contundencia a personalidade pouco exemplar do dentista, dixo: «Xa sabemos todos que este señor é máis ou menos romántico». Era unha forma fina de chamarlle tolo. Sen perder o sorriso, divertido polo espectáculo que conseguira montar, o meu amigo dixo que lle quería dedicar uns versos ao fiscal. Pero non o deixaron.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de xuño de 1991.