La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Viñeron da televisión galega a preguntarme sobre Antón Avilés de Taramancos, o poeta recentemente desaparecido. O que querían saber era algunhas cuestións relacionadas coa súa poesía, especialmente a comuñón coa natureza e o senso metafísico dos seus versos, así como os problemas da existencia que se transparentan neles. Non está mal, pois é certo que todo iso e moito máis pode estar presente na obra deste poeta. Tratábase, sen dúbida, dun escritor fondo, dado á reflexión sobre o mundo, a xente e as cousas, e cunha enorme experiencia, que é o que, en definitiva, leva a un poeta a mergullarse no espesor denso da vida.

A min gustaríame máis falar da biografía do escritor ou, polo menos, do que el mesmo contaba. Nunhas cartas que causaron sensación cando se publicaron no ano 1971, Avilés de Taramancos dicía que nos anos de emigración pasados en Colombia fora pirata, contrabandista, traficante de cabezas reducidas, domeador de cabalos, cazador de tigres para venderlle a pel aos gringos ricos, afiador e vendedor de churras nas feiras. Tiña feito, ademais, traballos no campo sen fortuna, pois aseguraba que non houbera ceifa nin colleita que non fose queimada pola peste, pola xeada ou polo destino.

Esta é unha parte da súa vida que ten entidade épica dabondo para ser posta con grandeza á altura da súa poesía. Non sei que Antón Avilés de Taramancos escribise nunca unha crónica sobre estes feitos ocorridos durante a súa aventura americana, o cal ha ser unha mágoa irremediable para as nosas letras, nas que non abundan os relatores de grandes peripecias humanas. Aínda recoñecendo o alto valor literario da obra poética deste autor, a un quédalle no labio o sabor daquelas cartas, nas que se insinuaban un mundo poderoso e unha xesta digna dos conquistadores.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de xuño de 1992.