La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O cónsul de España, que está empeñado en converter a miña estancia aquí nunha especie de terremoto agradable, onte organizou unha recepción na súa residencia á cal convidou a unhas corenta persoas. Había escritores, periodistas, profesores, un cura e dous galegos moi interesantes. Un deles, un antigo piloto no exército republicano durante a Guerra Civil  española, deixoume dunha peza cando me contou que un irmán seu, da mesma profesión, foi o que lanzou as famosas bombas da basílica do Pilar, en Zaragoza.

Cando eu era neno, na escola aínda se nos falaba daquel episodio, sobre todo para destacar o milagre, pois os artefactos, como se sabe, non estouparon. Parece que o propio piloto, que era de Ponteareas, axudou ao ceo naquela ocasión co propósito de que as cousas saísen ben: quitoulles as espoletas ás bombas antes de tiralas.

O mundo está cheo de xente curiosa. Foi tamén a impresión que me causou o cura que asistiu á recepción, un home grande, con aspecto de boxeador, vestido de traxe e gravata, sabio en varias materias, ademais de namorado de Santiago de Compostela. Por certo que me dixo que nunha ocasión, mentres se refuxiaba da chuvia na rúa do Vilar, viu pasar unha chea de rapaciñas con paraugas e que lle pareceron todas guapísimas. Antes de despedirse, fíxome unha caricatura nunha servilleta. Quitoume uns vinte anos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de xuño de 1997.