La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai quen di que non se pode pasar por Heidelberg sen visitar o seu famoso castelo. Desde logo, eu non tiña intención de subir ata alá, só por non pensar nas riadas de turistas que me imaxinaba andarían de paseo en grandes grupos organizados, foto vai e foto vén, entre as ruínas. Por outra parte, desde a fiestra do meu cuarto, no hotel, case a tiro de pedra, tiña unha estampa magnífica do monumento. Non obstante, os amigos da Universidade decidiron amablemente que había que cumprir co rito da visita.

Por suposto que a excursión foi agradable e interesante, aínda que non me equivoquei en absoluto co dos turistas. Desta vez, ignoro por que razón, eran case todos hindús, o mesmo mulleres vestidas co traxe tradicional que homes fateados á moda europea, sen que faltasen dous ou tres cubertos con turbante.

Cando volvimos á cidade, entramos nun restaurante cheo tamén de xente, supoño que turistas. De xeito que o meu propósito de non abandonar Heidelberg sen tomar unha cervexa no Seppl, unha das tabernas estudantís máis célebres do mundo, parecía disiparse. Aproveitei para facer unha escapada cando os amigos me deixaron na porta do hotel. Non tiña sono e ademais o avión do día seguinte non saía ata media mañá. Paguei o pecado: no tugurio, ben fermoso por certo, non había máis que xaponeses.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de xuño de 1995.