La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Chegamos a Hannover onte pola tarde, coa mesma calor tórrida que pasamos en Dortmund, algo raro nestas terras do norte. Aquí estaremos un par de días e faremos unha visita á Expo, que polo visto non está saíndo tan ben como esperaban os alemáns. Unha cousa é ir a Sevilla ou a Lisboa, que xustifican unha viaxe por si soas, e outra moi diferente é vir a esta cidade que non ten, nin moito menos, o carácter daquelas. Nada máis desembarcar do tren, pasamos polo hotel e xa nos levaron a unha recepción no Concello.

Nas recepcións oficiais, os colegas comen como limas e beben como esponxas. Para min, que son máis ben parco, resulta todo un espectáculo. Os máis activos de dente son os da Europa do Leste, especialmente os rusos, os bielorrusos e os armenios. Cun par de excepcións, sen embargo, non están gordos. Xa coincidín varias veces almorzando cun destes virulillas e dá gusto velo gozar tanto, coa cara dun neno metido nunha pastelería. Tan neno que o outro día me amosou a foto da súa muller, que é moi guapa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de xuño de 2000.