La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nin Hitler nin Stalin nin Mussolini son americanos, senón europeos, pero en Europa tendemos a ver os Estados Unidos como un país bárbaro que nin sequera ten nome, pois como sostiña inxeniosamente Salvador de Madariaga, dicir os Estados Unidos de América é como dicir a rapaza loira que vive no terceiro. E non obstante, poucos tópicos están menos fundados que este que pretende convencernos da maldade intrínseca da terra de Lincoln, confundindo determinados aspectos da vida americana, como pode ser unha parte non pequena da súa política exterior, coa vida no interior, que nin sequera a barbarie da pena de morte pode anular ou confundir.

En primeiro lugar, o americano medio adoita ser unha persoa educada e correcta, de trato agradable, que ten unha serie de valores morais frecuentemente ignorados polas persoas que falan con prexuízos. Os que teñan a experiencia de como funciona o mundo universitario ianqui saberán dúas cousas: a seriedade con que se procede a contratar o profesorado, por riba de conveniencias de tipo amigable persoal, e o sentido da responsabilidade dos alumnos, que consideran a trampa nos exames como unha vergonza inconfesable.

Lamentablemente, o que transcende son noticias como a que estes días inunda os periódicos de medio mundo: a disparatada decisión da Corte Suprema dos Estados Unidos que autoriza a secuestrar a presuntos delincuentes noutros países para levalos ante os tribunais USA. Só faltaba unha estupidez desa natureza para alimentar o antiamericanismo en Europa, que con decisións como esta prende como se fose gasolina, e para lexitimar a actuación dalgúns grupos terroristas que viñan procedendo xa desa maneira, especialmente en relación con cidadáns americanos, e por certo cunha sinistra eficacia. Agora non teñen máis que aplicar a doutrina establecida.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de xuño de 1992.