La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No artigo de onte falei aquí dun personaxe de Ourense, carpinteiro de profesión, a quen un cliente da cidade atou un día a un radiador cunha corda de varios metros, para que non puidese ausentarse do traballo antes de darlle fin. Debía ser persoa paciente e algo infeliz, pois andou sempre metido en situacións parecidas, que só se poden explicar polo carácter dun home submiso e pouco firme. Todo isto estaba de acordo coa súa aparencia: pequeniño e delgado, tipo virulillas, moi amable no trato coa xente, sempre disposto a facer favores, a non ser o de rematar as obras empezadas, que niso se comportaba cunha informalidade bastante escandalosa.

Era especialista en esconderse nos portais, incluso debaixo das mesas dos bares, cando divisaba de lonxe a alguén que andaba furioso detrás del por culpa de calquera das súas moitas informalidades. A pesar de todo, chamábano de moitos sitios, pois era un bo artesán, ademais de que cobraba pouco. Naturalmente, por esta última razón, ás veces tampouco podía ser demasiado dilixente nos pagos.

Foi precisamente por este motivo polo que, nunha ocasión, chamou desesperado por teléfono a unha señora, amiga miña, que lle quería ben. Pediulle que o fose rescatar a unha casa na que estaba en prenda. Un acredor quitáralle a roupa e tíñao retido nun cuarto mentres non lle pagase unha débeda. A miña amiga mandou un propio cunha suma importante de diñeiro, pero resultou que non era para tanto. O carpinteiro en prenda foi rescatado por setecentas pesetas. O primeiro que fixo foi ir ver a súa salvadora e chorar. Non eran lágrimas de crocodilo, senón de verdade. Ser informal non quita ter orgullo ou dignidade, mesmo bo corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de xuño de 1999.