La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Dinamarca, un fabricante de caramelos a punto de quebrar o negocio descubriu que poñéndolle nomes raros ao produto vendía moito máis. A cousa empezou porque un día, buscando algunha innovación que o axudase a saír adiante, elaborou uns caramelos de forma estraña que o seu fillo, cando os viu, bautizou co nome de “Formigas mexonas”. Convertido en rótulo oficial, o éxito chegou de inmediato: as ventas multiplicáronse. O espabilidado do danés seguiu explotando o filón e sacou rapidamente novos nomes.

Os nenos daneses poden chupar agora, e parece que o fan cun entusiasmo proporcional aos beneficios do fabricante, “Cagadas de gaivota” e “Peidos de can”, entre outra dozuras. Como era de esperar, un fabricante español acaba de importar o sistema e xa anuncia, a partir do próximo xaneiro, unha campaña televisiva que ameaza con enchernos a casa de lixo, aínda que só sexa verbal, ás horas punta.

Polo visto, a versión española será aínda máis salvaxe que a danesa. Xa se sabe que un dos caramelos se vai chamar “Vómito de neno”, outro “Cagarría de vello” e un máis “Moco verde de rapaz”. Nisto dos negocios hai que ser coidadosos e respectar a idiosincrasia de cada país. A min paréceme que entre unha “Formiga mexona” e unha “Cagarría de vello” hai a mesma distancia simbólica que existe entre eses rapaces rebeldes que en Copenhague rachan escaparates e os mozos vascos que aquí aínda destripan a xente dun disparo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de xuño de 1993.