La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A primeira vez que escoitei a palabra coño nun acto público foi nunha conferencia de don Vicente Risco sobre a arte románica, pronunciada en Ourense hai máis de trinta anos. O público riu en voz baixa, creo que satisfeito. Unha palabra algo máis grosa, de carácter excremental, oínlla dicir a Marisa de Leza nun teatro de Madrid, alá polo comezo dos anos sesenta, representando o papel da protagonista feminina dunha obra de Arthur Miller. Un murmullo de emoción moderna percorreu a sala polo atrevemento.

Destes primeiros vocábulos prohibidos, pasouse a outros abertamente licenciosos. Mentres as mulleres, incorporadas con entusiasmo ao negocio masculino de falar mal, empezaron a dicir disparates, algúns con tanto desatino que as levaban a facer alarde de cousas que non tiñan, como recordaba unha vez don Manuel Rabanal.

Agora, saturado o gusto pola utilización inclemente desta linguaxe arrastrada, volve a moda de falar ben. Por iso me sorprendeu escoitar na radio a unha actriz que reclamaba a liberdade de empregar tacos sempre que fose necesario. Ademais de que me pareceu a reivindicación dunha obviedade, como proclamar a igualdade entre brancos e negros, atopeina pouco consecuente: dixo que alguén lle fixera unha faena. Nese caso sería lexítimo para calquera, e para ela obrigado, empregar a palabra cabronada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de xuño de 1994.