La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Moita pena me deu a noticia da morte da filla do novelista Jack Kerouac, que lin onte nos periódicos. Creo que xa contei aquí noutra ocasión que teño un amigo nos Estados Unidos que coñeceu moito ao famoso escritor, un personaxe absolutamente desmesurado que ás veces parecía un anxo e que outras veces se comportaba cunha vileza difícil de igualar. O mesmo se paraba na rúa a facer o pino para arrincarlle un sorriso á súa muller que lle aconsellaba a esta que fose con outros homes mellores amantes ca el.

Non obstante, un día que a sorprendeu na intimidade cun compañeiro, abandonouna, a pesar de que el era habitualmente infiel, ademais con amantes de ambos sexos, e valeuse desa escusa para negar que a nena que naceu despois fose filla súa. En realidade, non quería recoñecer a pequena para non ter que pagar.

Non hai dúbida de que Kerouac foi un desastre e que a súa filla Jan foi aínda peor: drogadicta, borracha e prostituta cando necesitaba cartos. Tamén era escritora. Aos dez anos, un día comeu nun restaurante co seu pai, que lle dixo: “Es unha nena preciosa, pero non es a miña filla”. Mentres lle aseguraba isto, a rapaciña tiña nunha man, fortemente apretada, a rolla da botella de licor que Kerouac acababa de liquidar. Gardouna con ela toda a vida. Demasiado pouco para compensar o amor que o seu pai lle negou.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de xuño de 1996.