La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eran uns carteis rectangulares e aterradores, que se erguían como un anuncio á beira das estradas, especialmente en curvas de visibilidade reducida, para advertir das desgrazas causadas polo tráfico naquel lugar. A lenda consistía en recordar o número de mortos producidos, cun texto que dicía máis ou menos o seguinte: Aquí cinco mortos no ano 1964. Ao principio, os condutores reducían a marcha durante uns minutos, meditaban probablemente sobre o absurdo da existencia e a morte, pero deseguida recuperaban a marcha que traían. As bromas sobre baches e peraltes non tardaron en aparecer en periódicos e revistas.

Os responsables do tráfico están preparando de novo unha campaña tétrica na televisión, desta vez baseada na capacidade suxestiva que teñen as imaxes emitidas a través da pantalla. Hai un par de días apareceron xa as primeiras, un auténtico puñazo dirixido ao medio do corazón: un neno que perde os seus pais nun accidente e que berra desconsolado, unha muller que acusa ao seu home de ter matado un ciclista, unha rapaza histérica nun hospital… Son imaxes reais, absolutamente convincentes, que trasladan a mensaxe ao cerebro cunha eficacia indubidable.

¿Eficacia? Talvez. O que sucede é que diante dunha brutalidadetan descarnada, a xente ten unha saudable tendencia a esquecer. Despois da guerra civil española, os poetas falaban da beleza das rosas e os novelistas narraban idílicas historias de amor que non gardaban relación de ningún tipo coa dura realidade que se vivía na España de entón. Se non fose así, os responsables do tráfico, en lugar de emitir imaxes sombrías por televisión, farían ben en substituír os arcos que sinalan os quilómetros por auténticas caixas de morto, por exemplo. Sería infinitamente máis tétrico, edificante e convincente. Ata que a xente se esquecese de novo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de xuño de 1992.