La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Madrid, a unha señora que exerce un cargo importante na televisión pública, chámanlle croqueta, ou albóndega, quenon estou moi seguro. Quen llo chama de xeito sistemático é un famoso periodista que firma columna nun periódico da capital. Como non coñezo á citada señora, ignoro se ten algunhasemellanza física co produto elixido para insultala, é dicir, se é pequena e redonda, ou se a cousa lle vén porque é fea de cara e de corpo e o insultador quere dar a entender desa maneira que está feita de desperdicios.

Chamarlle albóndega ou croqueta a unha muller non parece un trazo demasiado alto de enxeño. Tampouco parece unha proba de humor ou de graza. Ten todo o aspecto, máis ben, de ser un atentado contra a dignidade dunha persoa, iso si, amparado por unha impunidade que algúns se empeñan en revestir coa roupa nobre do exercicio da liberdade de expresión. O espírito vestido de carnaval.

É posible que a citada señora faga desde o seu posto na televisión pública unha política informativa equivocada, ou sectaria, ou tramposa. Nada impide dicilo e denuncialo, naturalmente coa parte da proba a cargo do denunciante. Sobra o insulto culinario. Ademais sucede unha cousa: hai albóndegas de albóndegas e croquetas de croquetas. Aquí en Galicia, por exemplo, estas últimas poden ser exquisitas, sobre todo cando as fan de marisco. Vese que o periodista que as elixiu como insulto só coñece as que están feitas de sobras.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de xuño de 1993.