La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu era neno, a miña nai facíame feliz os días que nos cantaba poemas de Curros ou nos recitaba longos poemas de memoria. “El tren expreso” ou “Escribidme una carta, señor cura” de Campoamor aburríanme bastante, pero “Margarita, está linda la mar” de Rubén Darío producíame emoción, sobre todo cando chegaba a aquela parte do poema onde di que o rei facía desfilar “cuatrocientos elefantes a la orilla de la mar”. O destino quixo que anos máis tarde, aquel poema me servise para pasar horas moi agradables cunha moza que sentía tamén predilección por aqueles versos, no caso dela con máis motivos ca min.

Xa nos meus anos de estudante, non sei por que razón, se me meteu na cabeza que a nena Margarita Debayle, a quen Rubén Darío lle dedicara aquela fermosa composición, era a muller do ditador nicaraguano Anastasio “Tacho” Somoza García e nai de Anastasio “Tachito” Somoza Debayle, o tirano a quen derrubaron os sandinistas. Hai uns días, cando presentei en Santiago a novela de Sergio Ramírez, antigo vicepresidente de Nicaragua, que utilizou no título uns versos do citado poema, aprendín que non fora Margarita, senón a súa irmá Salvadorita, o personaxe que eu pensaba.

Pregunteille ao novelista, non por esta última, da cal apenas tiña referencias, aínda que Rubén Darío tamén lle dedicara uns versos, senón pola princesiña que no poema se escapaba a coller unha estrela. Entón souben que formara parte do clan que sumiu o seu país no crime e na indecencia daquela ditadura cruel e sanguinaria. Non minto nin esaxero se digo que levei unha das decepcións máis grandes da miña vida. Dese poema, agora só me vai quedar a voz doce da miña nai.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de xuño de 1998.