La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, cando Manolo Rivas se escandalizou de que a catedral de Santiago valese só dous mil millóns de pesetas, menos que un futbolista dos máis famosos, eu acordeime dunha curmá miña, da que creo que xa falei aquí noutra ocasión, a quen un dentista lle pediu un millón de pesetas* por cortarlle unha hemorraxia que se lle presentou ás dúas da mañá. O prezo tiña lóxica. Tal como lle explicou o médico, aquel era o valor que el estimaba que lle correspondía por perder un soño moi bonito que estaba soñando.

O Rei das Tortas de Mondoñedo amosoume un día unha caseta de madeira que tiña chantada na horta da súa casa. Con ela empezara o seu negocio e díxome que non a vendía nin por un millón de pesetas. A nai, que estaba sentada alí ao lado, tomando o sol, tamén se escandalizou: “¡Coidadiño co que se di, eh, moito coidado!”

Resulta difícil poñerlle prezo ás cousas que queremos, incluídos os soños. A min, por exemplo, que o dentista de Xinzo lle dixera á miña prima que un soño interrompido valía un millón de pesetas, non me parece mal: supoño que pode valer iso e incluso moito máis. Tampouco me preocupa que unha persoa sexa capaz de poñerlle prezo a ese tipo de cousas. O que me sorprendería sería que houbese moita xente disposta a pagar cantidades tan importantes por iso. Como negocio, seguro que sería completamente ruinoso.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de xuño de 1997.

(*) Equivalente a 6.000 euros (N. do E.)