La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha desas tertulias que se celebran na radio escoitei dicir que un coñecido banqueiro español se namorou do mozo da súa filla e marchou con el a Londres, onde ambos esperan ser felices. A noticia, que os contertulios daban por certa, aínda que non dixesen o nome dos afectados, parece que forma parte do cotilleo madrileño de última hora. Confeso que este tipo de historias non me interesan en absoluto, pois os asuntos relacionados co amor son sempre bastante aburridos, polo menos cando un non é o protagonista.

Non debía ser esa a opinión das persoas que interviñan na tertulia porque lle dedicaron tempo e entusiasmo. Mesmo un dos participantes chegou a dicir sen ironía que a noticia, cando soubo dela, o encheu de gozo. Aínda que non entendín ben o motivo, pareceume que tiña algo que ver coa conquista de non sei que clase de normalidade. Quen dixo tal cousa é un artista coñecido, relacionado co mundo do cine, con fama de home culto. Non dubido do seu talento profesional, pero a opinión que lle escoitei non era propia dunha persoa intelixente, senón de alguén que se sente na obriga de ser diferente dos demais. Estes comportamentos non son raros entre xentes que teñen a necesidade permanente de ser recoñecidos como xenios. O malo é que a mellor maneira de ser vulgar consiste precisamente en aparentar una personalidade que non se ten.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de xuño de 1994.