La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falei aquí dese amigo meu que, alá polos anos cincuenta, aprendeu un galego tan raro que non o entendía ninguén. Non sei exactamente cal foi o libro que utilizou, no que se lle chamaba “ploro” ao paraugas, pero este feito recordoume outro libro, este publicado na Habana hai xa bastante tempo, firmado por Fuco Gómez, no que se dá como nome do mesmo artefacto a palabra “maraño”, da mesma maneira que se propón o vocábulo “zafraños” para referirse aos zapatos. Ignoro se son termos inventados polo autor ou se alguén os empregou algunha vez nalgunha parte de Galicia. Non están mal, pero paraugas e zapatos están moito mellor.

Nisto do galego eu prefiro a naturalidade, aínda que xa sei que non é a única opción posible. Por exemplo, cústame escribir “subhasta”, por moito que recoñeza o ben fundado da argumentación que defende esa forma, da mesma maneira que aínda non me afixen a escribir voda, que é o correcto, en vez de “boda”, por máis que estea claro que foi a ortografía castelá a que meteu aí ese “b” de matute.

Dito isto, quero engadir que eu estou a favor da corrección lingüística do galego e que non comparto a teoría daqueles que se escandalizan porque se empreguen palabras que chocan coas que eles senten como máis propias ou enxebres. Ás veces, por razón que serían difíciles de explicar, convértome en infractor, como se encargan de recordarme algunhas persoas. Nunha ocasión, mentres pronunciaba unha conferencia, na primeira fila estaba unha moza tomando nota desesperadamente dos erros que cometía, que me sinalou ao final. Non me pareceu mal, pero ela tamén se equivocou cinco ou seis veces. Atribuíno á furia que empregaba.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de xuño de 1999.