La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como é sabido, o famoso Harry Houdini podía fuxir de calquera cárcere ou librarse da máis difícil das ataduras. Un día foi introducido nunha caixa metálica perfectamente pechada e depositado no fondo do mar. Ao pouco tempo, sen que ninguén soubese como, o mago estaba libre, sentado na cuberta do barco que se empregara como plataforma para realizar o experimento. Antes de morrer, Houdini fixo un pacto coa súa muller: volver do outro mundo a visitala. Como ela mesma confirmaría anos despois, iso nunca sucedeu.

O poder do célebre prestidixitador americano, polo que parece, non incluía a capacidade de saír do ceo. Comparado coas habilidades do seu compatriota David Copperfield, as artes daquel parecen xogos dun neno. Este último chegou ao límite do que un home pode levar a cabo sen disputarlle a Deus o reinado sobre a terra.

Copperfield xa fixo desaparecer un avión e agora está disposto a facer outro tanto co edificio do Empire State en Nova York. Unha revista asegura que é un dos homes máis ricos do mundo, algo que a min non me impresiona: quen é capaz de ocultar un dos rañaceos máis altos do mundo non ten mérito ningún que faga cartos. O interesante sería saber se son de verdade e non froito da súa capacidade para facer cousas imposibles. Non esquezamos que este home, que é bastante feo, ten de moza a Claudia Schiffer.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de xuño de 1996.