La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte contáronme un suceso que ocorreu en Ourense hai uns días e do que eu non sabía nada, quizais porque non saíu nos periódicos, aínda que creo que o merecía. Dáse a circunstancia, ademais, de que estivo implicada nel unha amiga da miña nai. O caso foi que a unha señora que saía dun banco de sacar diñeiro, no centro da cidade, asaltouna un ladrón, o cal lle arrebatou o bolso e botouse a correr co botín. O que non sospeitaba o caco era que preto da vítima se atopaba naquel momento esa amiga que dixen, unha muller de oitenta anos, chea de coraxe, dunha familia coñecida, que desde hai algún tempo anda con bastón.

Sacando de dentro de si a raza da súa avoa Rafaela, personaxe mítico na historia ourensá, empezou a paus co desgraciado, mentres que berraba, usando unha linguaxe doutro tempo: “¡Acudan! ¡Acudan!” Aparvado polos golpes, o ladrón tardou en reaccionar máis do que lle conviña e perdeu, porque alguén acudiu á petición de auxilio.

O primeiro en chegar foi un axente da autoridade que se atopaba preto do lugar do crime, aínda que fóra de servizo e vestido de paisano. Home valente e profesional, polo que se puido ver despois, en vez de facer o avión e marchar en dirección contraria por non meterse en líos e non complicarse a vida, dirixiuse rapidamente cara ao sitio de onde procedían os berros e alí atopou a señora intrépida e descargando bastonazos contra o mozo e uns metros máis alá a súa propia nai, é dicir, a nai do policía, que casualmente resultou ser a muller roubada. Por suposto, o seu fillo recuperou o bolso e detivo o autor do roubo. A este debíanlle dar a medalla á mala sorte.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de maio de 2000.