La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha carta dirixida a unha prima, unha vez, Einstein describiu a Marie Curie, a célebre científica polaca que conseguiu o Premio Nobel en dúas ocasións, como unha muller dotada cunha intelixencia excepcional, pero provista coa alma plana dun arenque. Esa foi a impresión que o famoso autor da teoría da relatividade sacou dos días que tivo a súa colega invitada na casa de Engadine, preto de Zürich. Pareceulle que aquela señora tan importante carecía de sentimentos e que non se alegraba nin se deprimía con nada.

Acabo de ler unha carta dela, acabada de publicar nos Estados Unidos. Vai dirixida á Academia Sueca, cando esta douta institución lle suxeriu a conveniencia de que non acudise á cerimonia de entrega do Premio Nobel de Química, debido ao escándalo que acababa de provocar a noticia dos seus amores cun home casado.

É unha carta na que a frialdade elegante da intelixencia non consegue apagar o lume da indignación. Estaba namorada. Como estivera antes do seu marido, Pierre Curie, morto a consecuencia dun accidente estúpido, atropelado por un coche de cabalos. Anos despois, Marie seguíalle escribindo fermosas cartas de amor, contándolle cousas, como se estivese vivo. Naturalmente, Einstein non tiña por que saber isto. En todo caso, vese que á hora de xulgar aos demais, o físico alemán tampouco debía andar moi lonxe dos arenques.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de maio de 1995.