La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Continuando cos irmáns Quesada, a quen lles fixeron unha homenaxe en Ourense o outro día, non falei aquí nin de Heriberto, nin de Antonio, nin de Fernando, periodista o primeiro, pintor o segundo e debuxante o terceiro. Deste último podía dicir tamén futbolista, pois el foi un dos meus preferidos cando eu era rapaz e el xogaba no Ourense. Fernando é ademais un bo contador de historias, moitas das cales lle sucederon como funcionario de Facenda. Eu mesmo fun testemuña dalgunha, o día que lle fun pedir por un veciño meu, de Vilariño, co interfecto diante, e Quesada recoñeceuno de seguida como un individuo que recibía a tiros os inspectores.

A pesar de todo, tratouno ben, dándolle recomendacións moi sensatas. Por exemplo, que cando os funcionarios lle fosen inspeccionar as instalacións, que non lles disparase por nada do mundo, pois podía ir preso, e que era mellor que os atendese, aínda que lle metesen unha multa ou lle puxesen un precinto nos aparatos. Que neste caso, ademais, aínda que aqueles fosen de papel, que non os rachase.

No acto de homenaxe que se celebrou a semana pasada en Ourense, segundo me contaron, Fernando Quesada falou doutro señor, ao cal tamén lle resolveu un día un problema, e que tempo despois se lle presentou no despacho cun regalo para agradecerlle a xestión. Consciente dos seus deberes de funcionario, o meu amigo rechazou o obsequio dun xeito terminante, case ameazando. O outro retirouno e díxolle que entón, se non lle aceptaba aquilo, que lle permitise polo menos traerlle máis tarde un saco de mazás da casa. Como tampouco llas aceptou, o home, desconcertado, acabouno invitando a un pecado (el dixo outra cousa), pagado por el.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de maio de 1999.