La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un día, hai case douscentos anos, Goethe ía paseando pola cidade alemá de Maguncia e viu como unha multitude exaltada perseguía un home e unha muller, sen dúbida co propósito de linchalos. Eran dous franceses xacobinos, membros, polo tanto, do partido que en Francia impuña o terror naquelas datas, cando a guillotina cortaba cabezas sen parar. Os executados xa non eran só os aristócratas, senón tamén a xente normal. Como consecuencia de tal barbarie, había moitas persoas indignadas en toda Europa.

Esa foi a razón de que aqueles dous franceses estivesen a punto de perder a vida a mans dun grupo de cidadáns enfurecidos polas noticias que chegaban de París. Salváronse porque Goethe, ademais de ser un señor respectado, era tamén un home valente e saíu en defensa deles, enfrontándose á carraxe dos indignados.

Estes non entenderon a conduta do escritor, que lles pareceu inxusta por protexer a uns asasinos, responsables da morte de moitos inocentes. O mesmo Goethe aceptou que era así. Foi entón cando pronunciou aquela célebre frase: “Eu prefiro a inxusticia á desorde”, coa cal quería dicir que prefería salvar a uns terroristas, sabendo que era inxusto, que provocar unha explosión de desorde e moitas mortes máis aínda. É unha frase mal entendida, chuspida sempre na cara do propio Goethe. Eu aínda a escoitei onte na radio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de maio de 1997.