La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo en Le Monde unha noticia que sucedeu en Francia hai uns días, cando un grupo de labradores franceses do departamento dos Pireneos orientais se lanzaron furiosos á rúa en Perpiñán, non contra os camioneiros españois, senón contra o servizo de meteoroloxía da rexión. A razón foi moi sinxela: o citado organismo amosouse incapaz de prever con precisión unha tormenta de pedraza que se abateu con extraordinaria violencia sobre os campos, a pesar de que unhas horas antes advertiu de que había “un risco posible de tormenta, susceptible de ir acompañada de saraiba”. Agora os damnificados presentaron unha denuncia no xulgado.

Debe ser a primeira vez que se fai unha reclamación deste tipo. O caso é que os demandados xa empezaron a preparar a súa defensa, aducindo que esta clase de fenómenos son dificilísimos de prever, pois cando un se decata, xa están caendo por riba, ademais de que, como asegura o director da estación meteorolóxica, non se está a falar dunha ciencia exacta e que todo o mundo ten o dereito ao erro.

Segundo a teoría do caos, calquera perturbación sucedida nun extremo do planeta, como pode ser o simple bater das alas dunha bolboreta, é capaz de provocar fenómenos climáticos incontrolables no extremo oposto da terra, de maneira que o vendaval que castigou as miñas mazás o outro día en Vilariño, por exemplo, puido ben orixinarse no asubío dun xaponés que chamaba polo seu can en Morioka ou en Kagoshima, poñamos por caso. Se as cousas son así, os meteorólogos franceses denunciados deberían utilizar como defensa a famosa teoría de Feigenbaum. Claro que isto nos obrigaría a todos, entre outras cousas, a asubiar en secreto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de maio de 1999.