La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo meu, que sabe da miña afección aos puros habanos, regaloume o outro día un libro moi fermoso sobre o tema, unha especie de guía na que veñen desde unha historia do tabaco, ata as fotografías, a tamaño natural, das marcas máis coñecidas, cos seus respectivos formatos, calidades, características e outras informacións interesantes, algunhas incluso moi curiosas. É un deses libros de gran formato, ilustrado a toda color, que cando un o ten entre as mans, sente que lle pican os dedos por abrilo canto antes e degustalo con parsimonia, comodamente instalado nun sillón. Foi o que fixen o domingo pola tarde, aproveitando que non tiña moito que facer.

Pasei un par de horas excelentes. Dábase ademais a circunstancia de que chovía fóra, por momentos con moita forza, e que o tempo invitaba, polo tanto, a estar entre cristais, arrolado polo esgarabello da chuvia contra as ventás ou polo picotar da auga no tellado. De maneira que dispuxen, de balde, dunha tarde magnífica, tan boa como a que gozan os que van ao fútbol ou as persoas que saen de excursión.

Había, porén, no libro, algúns aspectos que non deixaron de sorprenderme e chamarme a atención. Por exemplo, o autor dicía que o clima ideal para degustar un bo puro require unha temperatura duns 24º C, unha humidade relativa do 65 por cento, aproximadamente, e un mobiliario e unhas luces capaces de proporcionar un ambiente cómodo e relaxado, ademais do resto dos requisitos que se supoñen, tanto para acender o habano correctamente como para quitarlle a vitola no seu momento. Non está mal, pero seméllame algo complicado. Persoalmente estou convencido de que tamén se pode furmar un puro sen antes facer unha oposición.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de maio de 1999.