La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un deses golfos que saen constantemente na televisión dicindo que adiviñan o futuro, contoulles aos espectadores, quizais con máis vaidade que intelixencia, un suceso que lle ocorrera na rúa, un día que andaba por Madrid buscando a Praza de Oriente. Farto de dar voltas sen encontrar a dirección, preguntoulle a un transeúnte, que resultou ser Julio Anguita. Este, ao recoñecer ao vidente, fíxolle ver a contradición que supuña o feito de que un home dotado das súas facultades non puidese adiviñar cousa tan sinxela.

Lonxe de sentirse censurado pola ironía do político comunista, o citado individuo amosaba unha euforia desbordante e nerviosa, entusiasmado pola circunstancia feliz de que un señor tan importante o coñecese. Nese momento debeu supoñer que xa tiña andado moito camiño: empezaba a ser un personaxe famoso.

Sae moito na televisión. Ten cara de rato e voz delgada, talvez de grilo. Os ollos, pequenos e vivos, traiciónano un pouco: brilla no fondo deles unha chispa maliciosa, probablemente cínica, imposible de ocultar nin sequera coa verborrea de aparencia bondadosa que se gasta. Onte mesmo o escoitei unha vez máis. O locutor tivo a ocorrencia de ensinarlle un billete de lotería para preguntarlle pola sorte que lle agardaba. Non entendín ben se lle respondeu que ía gañar ou que ía perder, pero estou completamente seguro de que acertou.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de maio de 1995.