La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polo ano de 1302, un señor que se chamaba Giraldo Pérez e mandaba moito nas terras de Macendo, na comarca ourensá de Castrelo de Miño, fixo un testamento terrible no que, en uso das súas facultades mentais ou con siso e memoria, que é como figura no documento citado, acordaba entregar a súa alma a Deus, mentres que dispuña que a do seu fillo Estevo fose para o demo. A razón de tratar dunha maneira tan cruel a este último era, segundo facía constar, polas moitas deshonras que lle tiña causado.

Nisto da ingratitude filial sempre houbo de todo, desde quen rouba aos pais ou lles quita a facenda e os deixa ao vintimperio ata quen os trata como se fosen inimigos. Do outro lado, tampouco faltan mostras de comportamento contra natura, a máis incomprensible das cales consiste nese horror que se chama parricidio.

Con todo, isto do testamento, que acabo de ler nun libro de Xesús Ferro Couselo, paréceme a máis terrible de todas: entregar a alma dun fillo ao demo xusto no momento da morte, cando  a piedade debía ser o sentimento máis espontáneo. Quédame o desgusto de non coñocer as deshonras que ocasionaron esta decisión. Tamén me gustaría saber se finalmente o demo recibiu o legado do pai. Se foi así, o desgraciado levaría ardendo xa arredor de setecentos anos. Demasiado tempo para calquera pecado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de maio de 1996.