La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un dos moitos costumes que desapareceron da vida política foi aquela práctica de levantar a voz durante os mitins para berrar “¡Controversia!” desde o público e solicitar así o uso da palabra. Pedíase controversia para calquera cousa. Nunha ocasión, un individuo interrompeu varias veces ao alcalde de Ourense con esa trécola e cando o aludido lle preguntou que tiña que dicir, o de abaixo puxo as mans en forma de buguina, ergueu a voz canto puido e berroulle simplemente: “¡De parte da túa muller, que lle compres aceite!”

Outras veces, as intervencións eran menos inocentes, ou espontáneas e graciosas, ademais das que simplemente pretendían molestar. A Francisco Largo Caballero, por exemplo, pedíronlle controversia durante un mitin para chamarlle mamón. A Manuel Azaña, que non tiña sentido do humor, un andaluz cortoulle un magnífico discurso doutrinal para pedirlle máis alegría e unha pouquiña lixeireza.

Despois da guerra, a Franco tamén o interrompían durante os discursos, case sempre coa mesma frase, que os periódicos recollían ao día seguinte no medio do texto reproducido a toda páxina, cunha fórmula invariable, escrita entre parénteses (Una voz: “Gracias a ti, Franco”). Parece que ao xeneral lle gustaban estas intervencións e que os seus gobernadores llas preparaban. Precisamente acabo de ler un artigo asinado por un daqueles fomentadores de voces espontáneas. Naturalmente falaba da corrupción.

 Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de maio de 1993.