La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá, cando circulaba pola Praza das Travesas, en Vigo, un señor que ía no seu coche, a par do meu, fíxome unha puñeta impoñente. Non sei cal foi o motivo, pero algo o debeu ofender de xeito radical, porque o xesto tiña toda a contundencia expresiva dunha indignación incontrolable. Por suposto que o corte de mangas foi acompañado de voces que non oín e de espaventos desmesurados, máis propios de alguén que está vivindo unha traxedia espantosa que dun condutor que sofre algunha pequena molestia de tráfico.

A teatralidade da conduta do citado señor era tan cómica que me deu a risa. Non teño conciencia de que rise dunha maneira irónica ou provocativa, senón que rin espontaneamente, sen ánimo de ofender, divertido pola actitude chaplinesca do condutor. Nese momento, produciuse unha auténtica explosión de furia.

O coche do indignado empezou a dar saltos de ra, con freazos intermitentes, ata que parou uns metros máis adiante. En poucos segundos, xa vin o individuo no medio da rúa, correndo cara a min cos brazos abertos, como se quixese parar o meu auto coa forza das mans. Esquiveino sen dificultades, pero non me puiden librar nunha patada nunha porta. Por medo a velo na actitude grotesca que imaxinaba, non mirei polo espello, non fose que me aumentase a risa. Talvez evitei así que me destruíse o coche dun resoplido.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de maio de 1995.