La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo meu ten o loro enfermo. Desde hai unha semana, o animaliño non fai máis que dicir: “Estou malo”. De momento, no saben que cousa lle pode suceder, pois aparentemente todo está ben, pero Renato, que é como se chama, perdeu o apetito, pasa o día adormecido e apenas fala, el que era un lareta incontrolable. Antes, polas mañás, a iso das sete e media, tocaba diana polo procedemento de repetir “Tachín, tachín, tachín…” dez ou quince veces en escalas diferentes. Agora, esperta queixándose.

Parece que este loro pertence a unha especie que se deprime con facilidade, sobre todo ao chegar a primavera e o outono. Iso xa o sabía o seu dono, pois noutras ocasións tivera algún episodio semellante, pero nunca con esta persistencia. Se fose persoa, está claro que sería un caso típico de consulta psiquiátrica obrigada.

Eu coñecín catro loros na miña vida, todos normais, un pouco trapalleiros e charlatáns, pero sempre divertidos. En Galicia, cando se afundiron os célebres galeóns de Rande, no século XVIII, houbo unha inflación de periquitos que viñan nos barcos e que debían de ser para o Rei. Algún chegou a ser famoso en Pontevedra, do que o P. Sarmiento di que falaba un galego precioso. Non teño noticias de que padecesen melancolía. Quizais fose porque a vida, sen ser mellor, era máis tranquila, incluso para os loritos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de maio de 1997.