La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Máis cousas de Hoover

Onte dixen que Edgar Hoover, o director do FBI, tiña atrapados a varios presidentes. Contra Kennedy, o vello policía dispuña de centos de probas, incluídas varias gravacións, unha delas mentres estaba na cama con Marilyn Monroe. Por outro lado, a suavidade con que Robert Kennedy, ministro de Xustiza, trataba a Hoover desconcertaba a moitos dos colaboradores daquel, que non comprendían tantas consideracións e amabilidades.

A razón era a mesma Marilyn, coa que Robert tamén tivera amores. Pola súa parte, o medo de Nixon viña dunha historia pouco clara relacionada coa súa muller. Cando morreu Hoover, o presidente mandou instalar o cadaleito no Capitolio, un honor que ata entón non recibira ningún funcionario civil, e dixo que era un símbolo nacional de patriotismo e honradez sólida como a pedra.

Ademais desas palabras pronunciadas en público, Anthony Summers conta na biografía que lle dedicou ao xefe do FBI que cando Nixon recibiu a noticia da morte do policía lanzou unha interxección de alivio e a continuación empregou unha expresión obscena, que non vou transcribir. Así mesmo, o presidente Johnson referíase en privado a Hoover como “ese vello cabrón”, aínda que despois lle escribía cartas dicíndolle que era “o mellor do mellor”. Naturalmente, Johnson tamén tiña líos ocultos con señoras.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de maio de 1996.