La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Corsarios

Os sábados pola mañá, despois de ler os periódicos, gústame coller a moto ou o coche e dar un paseo pola estrada que vai desde Baiona ata A Guarda. É un dos lugares máis fermosos que coñezo. Onte, parado á altura de Punta Centinela, vin pasar un barco precioso, coas velas vermellas despregadas, navegando cara ao sur. Pareceume inglés. Un paisano que enredaba cun artefacto que podía ser un anaco dun motor marino, díxome que o seu avó lle falara das batallas que se organizaban naquel mar hai anos, na época dos franceses, unha actividade que quitou moitas fames, segundo me contou, pois rapiñábase de todo: bacallao, trigo…

Faloume dun tal Oliveira de Baiona, que tiña un bergantín chamado «O Espadarte», ou algo parecido, e que fixo capturas gloriosas aos ingleses. Nunha ocasión, polo visto, viu pasar máis de cincuenta velas daquela nacionalidade, ben protexidas por unha escolta de barcos … Seguir leyendo

Inquilino

Cando a coroación do Papa Xoán XXIII, un veciño da miña vila que seguía a cerimonia no televisor do Casino, dixo en voz alta que ó novo pontífice lle ían colocar a «piara» na cabeza. Non se trataba dun acto de anticlericalismo, senón de ignorancia, pois o que aquel home quería dicir, como é fácil supoñer, era que lle ían poñer a tiara. Non resultan infrecuentes estes disparates na vida privada e todos coñecemos casos do estilo de quen confunde «pedestal» con «pedernal » ou raios «catódicos» con «católicos». Tampouco son raros estes deslices na vida pública, como o célebre «doceavo» de Solana ou o «candelabro» dunha coñecida modelo.

Non poden considerarse sempre mostras de ignorancia, pois ás veces non deixan de ser simples confusións ou nerviosismos. Coñezo a un señor, por exemplo, que di «cápsula» cando quere dicir «cláusula». Coñece perfectamente a diferenza, pero no momento de pronunciar a … Seguir leyendo

Cálculo de probabilidades

Acabo de ler un artigo intelixente e divertido sobre os negocios que se están facendo nos Estados Unidos co asunto da próxima chegada da fin do mundo, dentro de dous anos ou algo así, cando cambie o milenio. O máis próspero de todos é o dos libros, que se publican por centos sobre ese asunto, algúns deles con títulos fantásticos, como aquel que ofrece Cen consellos para sobrevivir despois da fin do mundo. Tamén hai vídeos, películas e incluso lentes para protexer os ollos cando o sol se precipite sobre a terra.

Cando eu era rapaz, contra a fin do mundo non había máis que oracións. Unha vez, durante uns exercicios espirituais, un padre xesuíta díxonos que había que rezar para que non nos tocase vivir esa hora, a máis terrible de todas. Un cínico retrucaría que o espectáculo grandioso de ver caer as estrelas merecería a pena.

Ese negocio … Seguir leyendo

Un comedor de ras

O outro día, cando fun ver as cegoñas á Lagoa de Antela, tamén vin bastantes ánades reais. Hai moitos anos, a xente andaba a tiros con eles e a punto estiveron de desaparecer para sempre. Eu coñecín un cazador que lles tiña rabia e que os mataba por odio, porque dicía que acababan coas ras, o seu prato predilecto. Este señor, que xa morreu, falaba dos patos como se tivese con eles algunha cuestión de inimizade persoal. Unha vez oínlle dicir que se houbese inferno para bichos, estes irían todos alí.

Eu nunca souben que os patos comesen ras. Quen si as comía con gula insaciable era este home do que falo, que collía caldeiros colmados delas e nunca cansaba. Para el, non había marisco que se puidese comparar con aquel bocado exquisito, o mesmo frito que guisado, unha opinión que a min non me custaría compartir.

Para collelas, utilizaba … Seguir leyendo

Meter medo

Onte pola noite, cando regresaba de pasar unhas horas na casa duns amigos no centro de Vigo, decateime da pouca xente que se ve polas rúas despois das doce. No traxecto que percorrín entre o portal do edificio onde estivera e o lugar onde tiña o coche, arredor de trescentos metros, non me atopei máis que cunha muller, a pesar de que aínda non era moi tarde. Non me fixei moito nela, pero pareceume nova, ía vestida de forma elegante e viña soa pola mesma beira por onde andaba eu, só que en sentido contrario.

Camiñamos un cara ao outro ata que nos separaban menos de cincuenta metros. Nese momento, ela atravesou a rúa e foise decididamente para o outro lado. Non me atrevín a dar a volta, pero polo ruído dos seus pasos, que soaban con forza no pavimento, puiden decatarme do que sospeitaba: volveu de novo á beira … Seguir leyendo