La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polo verán do ano 1980, estando de vacacións en Suecia, lin no periódico Aftonbladet unha reportaxe na que un grupiño de dez ou doce nenos e nenas de arredor de dez anos expresaban en voz alta as preocupacións que tiñan respecto do futuro. Chamoume a atención que a inquietude maior estaba relacionada co medio ambiente. Os rapaces dicían que os adultos, en xeral, lles parecían ou tolos ou irresponsables, pois non eran conscientes de que acabarían por destruír a natureza. Unha nena, especialmente, dicíao dunha maneira gráfica e contundente: “Por culpa da xente maior, cando eu sexa grande non haberá bosques para ir pasear”.

Xa teño falado aquí noutras ocasións do interese que os suecos senten por estas cousas e que, vistas desde aquí, ás veces poden parecer extravagantes, incluso algo ridículas. Un ano, cando  cheguei  alí a pasar o verán, apareceu un movemento de xente de todas as idades que pasaban horas nos parques dándolle apertas ás árbores e dicíndolles palabras cariñosas ao oído, como se fosen xente.

Estes días estou seguindo a través da televisión sueca a informaciónda catástrofe de Doñana. Aparece como primeira noticia, tarde tras tarde, nos telexornais vespertinos, os de maior audiencia. Como se sabe, a empresa responsable da barbarie é unha empresa daquel país. Hai entre a poboación un sentimento de indignación contida e, sobre todo, de vergonza. Dicía o outro día un señor que el tiña a mesma sensación que se o sorprendesen facendo as necesidades en público, no medio e medio da Praza Maior de Madrid. Non é un mal exemplo. Vese que hai suecos que son civilizados só porque llo impoñen as leis. Pouca civilización.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de abril de 1998.