La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha das ilusións que tiven de neno, e que por desgraza nunca puiden cumprir, foi coñecer o padre Prieto, un xesuíta moi popular nos anos cincuenta, que vivía en Comillas e que gozaba da fama merecida e indiscutible de ser un verdadeiro santo. Cantos se relacionaron con el dicían que se trataba dun home infinitamente bo e horriblemente feo ao mesmo tempo. Supoño que as dúas cousas me atraían, pois se da santidade falaban con admiración e cariño, da fealdade facían descricións que excitaban a curiosidade.

Eu pensaba que o día que morrese aquel home e o levasen aos altares, ía ser bastante raro ver a imaxe dunha persoa tan horrorosa colocada no retablo dunha igrexa. En xeral, os santos son bastante guapos, o cal debe contribuír en parte ao seu éxito entre os devotos, igual que ocorre coa xente na vida de todos os días.

Agora, corenta anos despois, acabo de ver unha fotografía daquel home. Efectivamente, era feísimo, moito máis do que eu imaxinara. O amigo que ma ensinou informoume ademais de que está en marcha o proceso para que a Igrexa o declare santo. Ignoro se tal acontecemento,  no caso de que se cumpra, levará consigo a obrigación de convertelo en imaxe e situalo sobre un altar. Sendo así, ou fai Deus un milagre, ou o padre Prieto vai ter moi poucos devotos. A xente dálle moita importancia ás aparencias.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de abril de 1994.