La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Bulgaria, un labrador que vive nunha aldea próxima á cidade de Jambol perdeu unha orella. Dito así, pode parecer que o citado señor quedou sen o apéndice auditivo, da mesma maneira que se di de alguén que perdeu un brazo, unha perna ou a saúde. Iso é certo, pero hai algo máis. A vítima estaba traballando no tellado da casa, esvarou e foi bater no chan desde unha altura de dous metros aproximadamente, con tan mala sorte que, non se sabe ben por que razón, cando se ergueu decatouse que estaba sen unha orella.

Sen perder a calma, o home púxose a buscar no chan, entre a herba, e atopou o que perdera. A continuación entrou na casa, meteu a peza debaixo da billa do lavabo e limpouna de terra e outras adherencias. Logo abriu o frigorífico, colleu unha presada de cubos de xelo, meteu todo nunha pota e marchou correndo ao hospital.

Alí xurdiu o problema. Parece que o accidentado tardou en ser atendido, o cal acabou por facerlle perder a calma. Irritado, discutiu co persoal, armouse un pequeno alboroto e apareceu por alí a policía. Total, que cando se aclarou o que pasaba e os médicos se dispuñan a operalo, o señor decatouse de que perdera a tarteira onde gardaba o corpo mutilado. Un pode rir o que queira, incluso imaxinar calquera destino macabro para a pota extraviada, pero debe ser moi duro perder unha cousa de tanto valor e non atopala.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de abril de 1998.