La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ceo que xa teño falado aquí dun individuo ao cal lle escoitei dicir moitas veces que tiña a esperanza de que os seus pais, considerados boas persoas pola maior parte dos veciños, estivesen ardendo no inferno. Pareceume unha das expresións máis brutais da maldade humana. Moitos anos despois, non obstante, falando con Ramón Piñeiro sobre o mal, un día díxome que el non cría na súa existencia: só se trataba de deformacións da personalidade. Ata aí chegaba a capacidade de comprensión daquel home bondadoso.

Pasei unha boa parte da mañá de onte falando de Deus cunha amiga que prepara un libro sobre esa cuestión. No transcurso da conversa, que foi moi grata, saíu este problema do mal. Busquei exemplos rapidamente na cabeza e atopei uns cantos: a profanación da tumba de Gregorio Ordóñez pareceume un caso irrebatible.

Non o é, con todo. Trátase dunha monstruosidade de tal natureza que máis parece unha proba de insensibilidade humana que de ruindade propiamente dita; só un bárbaro pode cometer un acto como ese. Unhas horas máis tarde, non obstante, souben que en Paquistán, os fabricantes de alfombras mataron un neno de doce anos que se estaba convertendo no símbolo da denuncia da escravitude que padecen miles de rapaciños nese tipo de actividade. Penso que non se pode dubidar da maldade intrínseca dese acto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de abril de 1995.