La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eu estaba en Suecia cando se celebrou o xuízo contra o presunto asasino de Olof Palme e seguín pola televisión as incidencias do acontecemento. Aínda hoxe non entendo como o tribunal absolveu un individuo contra o cal había probas que parecían concluíntes. Foi visto por máis de vinte persoas á porta do cine onde o primeiro ministro asistía a unha proxección cinematográfica: foi identificado pola viúva do político como o home que estaba ao lado daquel cando caeu abatido por un disparo; demostrouse que eran falsas todas as coartadas que presentou.

Moitos suecos, non obstante, prefiren pensar que o tal fulano non tivo nada que ver co suceso e bastantes deles inclínanse a pensar, ademais, que se tratou dunha conspiración. Cústalles aceptar a explicación máis sinxela de todas, corrixida polo escrúpulo duns xuíces que non se  atreveron a condenar a un tipo que tiña todo en contra de si, a non ser que ninguén o viu disparar, e cren en cambio a explicación máis difícil.

É a mesma actitude dos americanos coa morte de Kennedy. Nunha enquisa recente, os mozos cren que a versión correcta do que sucedeu é a que dá Oliver Stone na súa película, aínda que o director recoñece que o seu propósito era crear un mito. A verdade é máis crible cando se basea na sopeita que cando se apoia en feitos evidentes. A inocencia non se presume: simplemente non se acepta. Por iso quen acusa sen probas ten unha vantaxe que conservará sempre.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de abril de 1993.