La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Acabo de ler un artigo intelixente e divertido sobre os negocios que se están facendo nos Estados Unidos co asunto da próxima chegada da fin do mundo, dentro de dous anos ou algo así, cando cambie o milenio. O máis próspero de todos é o dos libros, que se publican por centos sobre ese asunto, algúns deles con títulos fantásticos, como aquel que ofrece Cen consellos para sobrevivir despois da fin do mundo. Tamén hai vídeos, películas e incluso lentes para protexer os ollos cando o sol se precipite sobre a terra.

Cando eu era rapaz, contra a fin do mundo non había máis que oracións. Unha vez, durante uns exercicios espirituais, un padre xesuíta díxonos que había que rezar para que non nos tocase vivir esa hora, a máis terrible de todas. Un cínico retrucaría que o espectáculo grandioso de ver caer as estrelas merecería a pena.

Ese negocio do milenio tamén anda por aquí. O martes, un señor anunciou na televisión que o día do grande acontecemento ía ser exactamente o 3 de xaneiro do ano 2000, pola tarde. Para probalo escribiu un libro no que explica os cálculos e as razóns que o levaron a establecer unha data, da que dixo que era “cientificamente irrebatible”. Claro que postos a falar en termos científicos, eu apostaría que hai máis probabilidades de que ese día se lles acabe a todos o negocio que non que vexamos desprenderse o sol do ceo. Seguro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de abril de 1998.