La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, cando falei aquí dun neno que me invitou a comer cereixas que un señor que vivía en América deixara para os rapaces da aldea, non dixen que tal neno era un vaina. O mesmo organizaba unha orquesta a base de  latas e caldeiros vellos para interrumpir o rosario, que fabricaba unha bomba coas cabezas explosivas que se desprendían dos foguetes das festas. Sempre andaba discurrindo cousas malas. A min fíxome crer que a filla do demo se chamaba Rosita, que comía touciño e vivía detrás do altar de San Antón.

Como é lóxico, aquel rapaz caíalle simpático a todo o mundo, aínda que ás veces moitos o quixeran matar. Un día pintoulle de encarnado, con algunha que outra salpicadura negra nas costelas, o can dun veciño. Noutra ocasión deulle por machacar unhas cantas tellas rotas ata convertilas nun po fino que meteu despois nunhas bolsiñas pequenas feitas de tea para acabar vendéndoas na feira para remedio de claquera mal, fose de vaca, porco ou persoa. A varios mozos convenceunos de quecon aquel po non habíamoza que se resistise, a consecuencia do cal algúns levaron nos dentes  por atrevidos.

Con todo, a trastada máis graciosa daquel pecador foi aínda peor que estas. Un domingo viñeron uns paisanos á casa do seu pai, que era o sancristán, porque aquel día remataba o precepto e querían comulgar. O pai non estaba e o cura marchara de viaxe, así que a cousa non parecía posible. Foi tanta a contrariedade que mostraron aqueles homes que o rapaz ofreceuse a darlles a comunión. Nun principio quedaron sorprendidos, pero despois preguntáronlle se el sabía como había que facer. Cando lles dixo que sí, foron á igrexa, axudárono a subir ata o sagrario e cumpriron devotamente co precepto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de abril de 1991.