La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo en The York Review of Books un artigo sobre o escándalo Clinton, un asunto que supoño que xa non lle interesa a case ninguén, aínda que agora ten máis importancia que nunca. Eu estaba en Nova York cando sucedeu, seguín de cerca os debates na televisión e nos periódicos e desde o primeiro momento tiven a impresión de que, á parte das golferías e as mentiras do presidente, que todo o mundo daba por certas, por evidentes, sen dúbida de ningún tipo alí había xente moito máis tramposa ca el, precisamente entre quen o acusaban no nome de principios sagrados, entre eles o de que ninguén pode mentir baixo xuramento.

Nun libro de gran rigor que acaba de escribir Jeffrey Toobin, un antigo fiscal federal, cóntase con toda clase de detalles o que pasou arredor daquela persecución contra o presidente dos Estados Unidos, e chégase á conclusión de que foi algo parecido a un golpe de estado. Non se trata de ningunha fantasía, senón dun traballo responsable.

O fiscal Kenneth Starr, un tipo sectario e sen escrúpulos, non foi máis que unha peza fundamental nun rompecabezas perfectamente montado, no que participaron un grupo de inimigos do presidente, desde multimillonarios que puxeron a súa fortuna ao servizo da conspiración, ata líderes relixiosos de escasa reputación, pasando por tipos máis próximos á hampa que a un comité investigador destinado a aclarar a verdade. Dificilmente se pode xuntar a tanta xente de moralidade tan baixa nun tinglado que a punto estivo de poñer patas arriba un país enteiro baixo o pretexto, precisamente, de limpalo de inmorais. Despois de ler o que lin, vai ser difícil limpar Estados Unidos destes limpadores.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de abril de 2000.