La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai pouco vin en Boloña, por casualidade, un artefacto que desde lonxe me pareceu a escafandra inmensa dun buzo xigante. Era unha bóla de color parda, como se estivese feita de  ferro oxidado, con dous ollos de vidro enormes, remachada con parafusos en diferentes partes e cuberta nalgúns sitios, talmente como se fosen remendos, por un material que non parecía moi distinto desa tea asfáltica prateada que usan os paisanos en Galicia para loitar contra a humidade ou para tapar as fendas máis rebeldes dos tellados.

Achegueime para ver de que cousa se trataba e souben, por unha lenda explicativa, que era un enxeño espacial ruso, unha daquelas naves Cosmos coas que os soviéticos asombraron o mundo cando meteron nela ao astronauta Yuri Gagarin e o enviaran ao espazo. As autoridades rusas regaláronlla agora á cidade de Boloña.

Gagarin fíxose universalmente famoso por tres cousas: por ser o primeiro home que deu un paseo espacial; por dicir que desde alá arriba el non vira a Deus e finalmente por elixir a propia morte antes que provocar unha catástrofe nun accidente de aviación. Cando visitei a súa tumba en Moscova, hai anos, non me cadraba ben que un home tan intelixente e xeneroso puidese dicir unha frase tan tonta como aquela. A verdade é  que desde o artefacto que eu descubrín en Boloña non se debía ver practicamente nada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de abril de 1994.