La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Acabo de ver na televisión un home iluminado. Debía ter uns trinta anos, pelo cortado ao cero e bigote bravo, sen coidar. Ía vestido de calquera maneira, cunha camisa de cadros, uns pantalóns vaqueiros descoloridos e zapatos grosos, fóra de tempada. En xeral, tiña un aspecto pouco convencional, pero non espontáneo, pois víaselle o propósito de parecer diferente, ou sexa, de ir á moda do revés, pero moda á fin e ao cabo. Non me pareceu mala persoa, aínda que era bastante simple e non demasiado intelixente.

O mozo falaba de tomar non sei que medidas políticas para conseguir a felicidade dos demais. Estiven a punto de apagar o televisor porque me podía aforrar perfectamente o discurso: xa o sabía. Como dicía a miña avoa, que era moi relixiosa, o que máis a amolaba da misa dos domingos era que coñecía todos os sermóns.

O deste xove escoiteino moitas veces, non sempre de labios de xente xenerosa. Cando eu era neno, por exemplo, algunhas tardes acompañaba a miña nai para ir de visita á casa dunha señora maior que se confesaba  inflamada de amor ao Corazón de Xesús, pero que trataba a criada bastante peor que ao gato. Creo que foi Josep Pla quen dixo que as únicas revolucións que lle interesaban non eran as que prometían a felicidade, senón aquelas que se propuxeran simplemente reducir o sufrimento da xente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de abril de 1997.