La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como esperaba, atopei Berlín descoñecido, sobre todo a parte que antes era do Leste. A vella Friedrichstrasse, que en época do muro tivo o aspecto dunha rúa morta, é agora unha avenida completamente nova, na que tiraron todos os edificios a ambos os dous lados para construíren outros distintos. Pero deume a impresión de que, tal como sucedeu con Brasilia, a xente aínda non se deixou seducir por este urbanismo racional, coidadosamente planificado.  Notei, en cambio, que a Unter der Linden ten moita máis vida que hai uns anos e que as terrazas están cheas de xente. Debo dicir que o tempo era espléndido.

Os cambios son tan grandes que fun dar un paseo ata o Potsdamer Platz e perdinme. Carecín de referencias, confundido por unhas torres enormes en construción. Esta antiga praza, onde Vicente Risco ou Augusto Assía ou García-Sabell, que non recordo ben, viron o primeiro semáforo de Europa, vaise converter novamente moi pronto nun dos centros da cidade, quizais demasiado intimista.

Por certo que cando me achegaba cos amigos Luís Tosar e Xosé María Paz Gago á Porta de Brandenburgo, vimos un pequeno grupo de xente na entrada dun hotel moderno. Antes de saber que pasaba, batemos case de narices con José María Aznar e con Abel Matutes e Rodrigo Rato, que saían naquel preciso momento. Decateime de que o presidente lucía un bronceado impresionante, tirando a color de mouro. Supoño, pola época do ano, que debe ser de lámpara. Nese caso non estaría de máis que baixase a intensidade para disimular, ou que lle pedise aos seus ministros que non parecesen tan brancos. Incluso nestas cousas, a virtude está tamén no centro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de marzo de 1999.